Os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) nacen no ano 2015 co obxectivo de conformar unha nova axenda para o desenvolvemento sustentable.
En setembro de 2015, as Nacións Unidas aprobou unha serie de obxectivos que buscan erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todos, nun prazo temporal de 15 anos. Trátanse dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) que conforman a nova axenda para o desenvolvemento sustentable, a Axenda 2030. Unha folla de ruta con 17 ODS e 169 metas para acadalos.
Os ODS retoman o compromiso de fronte ao desenvolvemento sustentable iniciado pola ONU no ano 2000, cos Obxectivos do Milenio (ODM). Moitas persoas consideran que os ODS son formulados polo fracaso dos ODM, nada máis lonxe da realidade. O Informe sobre os Obxectivos do Desenvolvemento do Milenio (ONU, 2015) afirma que se realizaron progresos considerables e substanciais na consecución de gran parte dos obxectivos e metas. Por exemplo: a meta de reducir á metade a taxa de pobreza extrema alcanzouse cinco anos antes da data límite, o mundo logrou a igualdade no ensino primario entre nenos e nenas, ou tamén se realizaron avances notables na loita contra o paludismo e a tuberculose.
Neste mesmo informe tamén se indica que quedan moitas desigualdades que acadar. Os conflitos seguen constituíndo a maior ameaza para o desenvolvemento humano, aproximadamente o 50% das persoas que vive nas zonas rurais noutros puntos do planeta non dispón de instalacións de saneamento melloradas ou que aínda queda un longo camiño por percorrer para lograr a paridade de xénero en moitos países.
Para continuar avanzando na redución destas desigualdades, xorde a Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable. A Axenda 2030 converteuse na aposta das persoas, organizacións e nacións para alcanzar un desenvolvemento inclusivo e sustentable, tanto a nivel mundial como en cada un dos países e comunidades.
O rural é un exemplo no que mirar para cumprir os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable. Para acadar os ODS débese volver pensar no modelo de xestión que temos no día de hoxe. Nesa reflexión o rural convértese nun elemento estratéxico de sustentabilidade e de futuro. No caso que nos acolle, o rural de Ourense leva sendo un exemplo de innovación nas últimas décadas e é un espello no que inspirarnos e traballar sobre os ODS e o desenvolvemento sustentable. Neste Observatorio imos embarcarnos nunha viaxe fascinante. ¡Alá imos!