Nace o Observatorio RIO, un laboratorio de ideas do rural.
RIO International Observatory of Rural Research nace na procura da posta en valor dos ecosistemas de innovación rural, con alianzas estratéxicas público-privadas, explorando a diversidade do rural de Ourense, no marco do desenvolvemento sustentable. É un novo contrato social para o rural.
O RIO International Observatory of Rural Research, promovido pola Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, é unha entidade pioneira en Europa que ten como misión analizar, investigar e poñer en marcha proxectos de vangarda no medio rural.
É un laboratorio de ideas e proxectos que funciona como espazo de co-creación e de unión académica coa innovación social co foco posto no desenvolvemento dun ecosistema de innovación social, ambiental e económico das zonas rurais de Ourense que permita replicar iniciativas, ideas e proxectos en zonas semellantes de Europa e Iberoamérica. Establecendo como bases o horizonte da Axenda 2030 e os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU.
O Rio International Observatory of Rural Research nace e ten como primeira acción o desenvolmento do Ourense Rural Summit (OURS). O OURS será un foro de máis de 130 expertas e expertos universitarios e axentes do rural procedentes de diferentes países que centran o seu traballo en analizar os Obxectivos do Desenvolvemento Sustentable e a súa aplicación no medio rural co fin de acadar propostas para un ECOSISTEMA DE INNOVACIÓN RURAL. O OURS está impulsado pola Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo e levarase a cabo do 29 ao 31 de outubro no Parador de Santo Estevo e nel reflexionarase sobre as posibilidades que ofrece o mundo rural para o cumprimento da Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable. O peche do OURS realizarase no Mosteiro de Oseira, nunha xornada de reflexión conxunta e conclusións por parte dos participantes.
Ourense e RIO International Observatory of Rural Research son agricultura e medio ambiente, bioeconomía, equidade, escolas rurais e innovación educativa, turismo verde e activo, territorio e patrimonio, inclusión e talento social, demografía e envellecemento activo, conexión rural-urbano, dereito e desenvolvemento rurais sustentable. Tamén son innovación, talento, liderado, estratexia, competencia, futuro e persoas.