En RIO

Este martes 29 de outubro inaugurouse o primeiro Ourense Rural Summit (OURS), impulsado pola Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, que se prolongará ata o día 31 de outubro no Parador de Santo Estevo. Este foro é a primeira actuación do RIO International Observatory of Rural Research.

O acto inaugural contou coa presenza do Presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, a Vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación María Isabel Doval, María Belén Rubio, Vicerreitora de Investigación e Esther de Blas, Vicerreitora do Campus de Ourense.

Esther de Blas deu a benvida a todas as persoas participantes e salientou que iniciativas como o Ourense Rural Summit, “nos tempos que corren son unha obriga de todos os axentes chave do territorio, xa que cómpre dotar ao rural de ferramentas para evitar o seu despoboamento pero mantendo a súa esencia e tradición”.

A Vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da Universidade afirmou que tanto a Deputación de Ourense como a Universidade de Vigo están convencidas de que “as áreas rurais necesitan un novo relato”. Este encontro reúne aos mellores investigadores e investigadoras nestas áreas e a emprendementos rurais co obxectivo de co-deseñar proxectos innovadores para implementar en Ourense e poder replicar en Europa e, tamén, en Latinoamérica. María Isabel Doval tamén puxo en valor o carácter participativo do OURS, “xa que non é moi frecuente no ámbito académico o traballo en rede e colaborativo”.

Por outra banda, María Belén Rubio, Vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo enfatizou o “perfil multidisciplinar” deste encontro para “xerar innovación” e crear proxectos que den resposta aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable tamén no medio rural.

Por último, José Manuel Baltar, Presidente da Deputación de Ourense, situou como obxectivo fundamental do OURS a identificación das necesidades para poñer solución ao despoboamento rural e, posteriormente, poder desenvolvelas no marco da estratexia do RIO International Observatory of Rural Research.

O Ourense Rural Summit e o RIO International Observatory of Rural Research, son dúas das medidas contempladas no Plan de Mandato “Ourense 72-73” acometido pola deputación provincial. José Manuel Baltar tamén recoñeceu que “as administracións públicas e, en concreto os gobernos provinciais, son motores de desenvolvemento territorial. A Deputación de Ourense, da man da Universidade de Vigo, porá o rural de Ourense na esfera internacional”.

Como antesala desta xornada, este luns tivo lugar unha visita teatralizada ao Parador de Santo Estevo e un cineclub, no que se presentaron o libro DVD Galicia Rural. Un debate contemporáneo sobre o medio rural galego e a edición multimedia Galicia en la Memoria. A actividade foi presentada por Adela Palomino, directora do Centro de Publicacións do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e Aser Álvarez, director de Arraianos Producións e coordinador da edición.

A primeira xornada do Ourense Rural Summit

Tras a inauguración Bernadette Montanari, experta en biodiversidade cultural da Universidade de Kent (Reino Unido) impartiu unha charla sobre desenvolvemento local e globalización. Nela achegounos a súa investigación en Marrocos centrada na busca do desenvolvemento socioeconómico das comunidades rurais do país. No seu proxecto pretende atopar o xeito de que sexan as propias comunidades locais as que se beneficien da explotación da súa riqueza natural.  Xerar valor engadido no territorio para a mellora das condicións de vida nestes lugares. Esta intervención contou coa presenza de Jorge Domínguez, do grupo GEA da Universidade de Vigo que actuou como presentador.

A continuación, comeza o traballo en grupos. Unha das principais novidades deste evento é o seu carácter participativo. Durante estas tres xornadas, as persoas participantes no Summit definirán conxuntamente os retos para a aplicación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable no rural europeo e co-deseñar as liñas estratéxicas do RIO International Observatory of Rural Research.

A primeira hora da tarde terán lugar as primeiras Conversas Simultáneas, espazos onde se presentarán diferentes iniciativas innovadoras do rural. Na primeira conversa, presentada por Anna Champeney, Katarin Tausz, directora do Instituto de Estudos Socias da Universidade Eötvös Loránd de Hungría, falará sobre Pobreza no mundo rural e o caso dos países post-socialistas. Tamén Manuel Blanco Desar, falará sobre Sembrar porvenir: agro vivo.

Na segunda Conversa presentada por Belén Rubio, Vicerreitora de investigación da Universidade de Vigo, falará Débora Iglesias-Rodríguez da Universidade de California sobre os Océanos asfixiantes para a vida mariña e outras verdades inconvenientes e Iria García, investigadora do departamento de economía aplicada da Universidade de Vigo, tratará sobre O papel das confrarías de pescadores de Galicia na protección dos recursos mariños e consecución da equidade: vantaxes e limitacións.

A última das Conversas simultáneas do día, Esther de Blas Vicerreitora do Campus de Vigo presenta a  Juanjo Manzano e Conce Macías, de AlmaNatura, que falará sobre o seu proxecto de Reactivación Rural Resiliente e Aser Álvarez, que traerá o FICRURAL: Foro Internacional sobre a Cultura e a Economía Rural.

Durante estes días os participantes no OURS terán a oportunidade de coñecer emprendementos rurais e do social como Muuhlloa: cosmética galega, ecolóxica e irmandiña, a artesanía de Anna Champeney Textile Studio, Sovoral Apicultura Orgánica, Inés Rir Textiles Estudio e cata de augas.

Para rematar a xornada, realizarase unha actividade ambiental nocturna sobre Avelaíñas: doncelas da noite organizada polo Grupo Naturalista Hábitat.

Escribe o teu comentario