En RIO

Este xoves clausúrase o Ourense Rural Summit (OURS), un evento único que tivo lugar durante os últimos tres días no Parador de Santo Estevo e no que o traballo colaborativo, dende unha perspectiva multidisciplinar, favoreceu a xénese de novas ideas e proxectos. O RIO International Observatory of Rural Research foi o impulsor desta iniciativa, co obxectivo de promover un ecosistema de innovación rural.

O día de onte

O mércores tivo lugar unha serie de Conversas Simultáneas nas que participaron investigadores da Universidade de Dublín, da Universidade Pablo Olavide e representantes da Secretaría do Comité de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo e de European Network for Rural Development.

Tras as Conversas os participantes foron a unha actividade de inmersión local consistente en realizar unha plantación nunha parcela que cedeu a comunidade de montes de Santo Estevo. Nesta intervención plantáronse árbores e arbustos para crear un ecosistema como bidueiros, castaños, acivros, loureiros, abeleira,…e crear un bosque. Esta actuación enmárcase dentro do espírito do OURS de ser un evento sustentable e permite compensar a súa pegada ecolóxica.

Pola tarde, tivo lugar un Open Space unha tecnoloxía social para a activación da intelixencia colectiva dos expertos reunidos no OURS. Consiste na co-creación da axenda do día a través de temas propostos polas propias persoas participantes nela e enmarcada baixo unha pregunta paraugas: Que temas, ideas ou proxectos son fundamentais explorar neste Summit para contribuír á creación do RIO International Observatory of Rural Research?

Intervencións Finais

O programa do xoves iniciouse con Federico Mallo, Catedrático de Endocrinoloxía do CinBIO da Universidade de Vigo que introduciu a Rebecca Schiff, da Universidade Lakehead de Canadá que presentou aos presentes un relatorio sobre saúde e sustentabilidade remota no rural: desafíos e solucións para acadar a equidade na saúde. Nela Rebecca comentou a importancia de reducir as disparidades sociais e santirarias entre os entornos rural e urbano, apostando pola captación de xente do rural para formarse como profesionais do ámbito sanitario.

Nas Conversas Simultáneas Ana Caamaño, técnico da Oficina de Proxectos Internacionais da Universidade de Vigo introduciu a Leonardo Vieira que presentou a conferencia mellorando a igualdade a través da saúde rural e a educación médica rural e trasladou aos participantes a deficiencia da ratio de profesionais médicos por habitante no rural fronte ao urbano. Na sesión participou tamén Ricardo Fra, da consultora de innovación social Activiza! que nos falou dos proxectos de innovación social baseados en necesidades inherentes ao proceso de envellecemento poboacional. Ricardo fixo fincapé na silver economy, na transformación dixital, nas comunidades amigables, nos proxectos de vida con establecemento de novos roles e nos modelos de coidados diferenciados.

Na segunda das Conversas do día, Ana Fernández da Oficina de Proxectos Internacionais da Universidade de Vigo preside a mesa onde participan Jorge Domínguez do Grupo de Ecoloxía Animal da Universidade de Vigo e Paul Swagemakers, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo. Jorge falou sobre as miñocas de terra, viñedos saudables e viños naturais e Paul das novas rutas agrarias: a vida na terra coma oportunidade. Domínguez presentou as investigación que están a realizar, en colaboración con empresas vinícolas, sobre o efecto do vermicompostaxe nos seus productos finais. A filosofía da súa investigación parte de usar a propia planta para tratala. Pola súa parte, Swagemakers subraiou a importancia de fomentar os procesos circulares nas novas sendas agrarias cunha proposta en torno a ampliación, profundización e re-cimentación dos ecosistemas rurais.

Por último, Fernando R. Méndez, responsable de prensa da Deputación de Ourense, está xunto con Ana I. Gracia representante da Rede de Xornalistas Rurais falando de A imaxe do rural nos medios. Cara e cruz informativa e con Luis Domínguez, que tratou o tema de mundo rural: impulsar a cohesión territorial e responder ao reto demográfico. Gracia animou aos presentes a elaborar un plan de comunicación sobre os proxectos co fin de contar as historias que acontecen no rural e Domínguez comentou que o rural debe dar innovación, calidade e gobernanza e debe recibir un marco normativo, políticas públicas dotacionais e promocionais.

Clausura: firma de manifesto e conclusións

O Ourense Rural Summit vai ser clausurado polo presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, o Reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa Roger e a Vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, María Isabel Doval. Contou coa actuación da soprano Ilduara Perianes Guitián coa colaboración do pianista Miguel Guillermo Sáez.

Neste peche firmouse a Declaración de Santo Estevo de Ribas de Sil por unha Axenda Rural Europea. Con ela péchase o Ourense Rural Summit e comeza a súa andaina o RIO International Observatory of Rural Research.

 

 

 

Escribe o teu comentario