O I Ourense Rural Summit reunirá no Parador de Santo Estevo e no Mosteiro de Oseira a 130 persoas de universidades, empresas, asociación de desenvolvemento rural, emprendedoras rurais, para co-deseñar proxectos de impulso dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable desde o rural.
O Ourense Rural Summit (OURS), impulsado pola Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, terá lugar os días 29, 30 e 31 de outubro no Parador de Santo Estevo e no Mosteiro de Oseira e nel reflexionarase sobre as posibilidades que ofrece o mundo rural para o cumprimento da Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.
O Ourense Rural Summit é un foro de máis de 130 expertas e expertos universitarios e axentes do rural procedentes de diferentes países que centran o seu traballo en analizar os Obxectivos do Desenvolvemento Sustentable e a súa aplicación no medio rural co fin de acadar propostas para un ECOSISTEMA DE INNOVACIÓN RURAL. O OURS é a primeira actuación do RIO International Observatory of Rural Research de Ourense, promovido pola Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo.
Este evento reunirá ao mellor do rural e do universo académico co fin de ser un lugar de encontro para a xeración de experiencias locais e innovadoras que conformen un ecosistema de innovación rural. O foro busca repensar conxuntamente aplicacións e intervencións no medio rural, a través do co-deseño de iniciativas para poñer en marcha en contornas rurais. Por iso, presenta no seu programa diferentes sesións de traballo participativas co obxectivo de buscar sinerxías entre as persoas participantes e xerar novas iniciativas de innovación socioambiental no rural.
Participantes de Galicia, Andalucía, Castela e León, Madrid, Canadá, Dinamarca, Reino Unido, Italia, Hungría, Polonia, Bélxica, Brasil, Portugal, entre outras rexións, convivirán no Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil os días 29, 30 e 31 de outubro de 2019 profundando sobre ruralidade e Axenda 2030.
As conclusións deste traballo serán presentadas na xornada de peche, no Mosteiro de Oseira, que serán incluídas na estratexia do RIO International Observatory of Rural Research. Nesta xornada final tamén se asinará un documento cos retos do Observatorio.