O Observatorio

O RIO International Observatory of Rural Research ten como misión analizar, investigar e poñer en marcha proxectos de vangarda no medio rural. É un laboratorio de ideas e proxectos que funciona como espazo de co-creación e de unión académica e de innovación social co foco posto no desenvolvemento dun ecosistema de innovación social, ambiental e económico das zonas rurais de Ourense que permita replicar iniciativas, ideas e proxectos en zonas semellantes de Europa e Iberoamérica. Este Observatorio está promovido pola Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo. RIO é un vehículo de transmisión de boas prácticas a través da unión de expertos e expertas universitarios e actores locais e internacionais co fin de detectar, estimular e impulsar casos de éxito do rural de Ourense e darlles visibilidade, na contorna da sustentabilidade. O marco de actuación baixo o que se atopa RIO é o Plan Ourense da Deputación de Ourense, Axenda 2030 da ONU e os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable e Rede Europea de Desenvolvemento Rural (REDR).

Ourense e RIO son agricultura e medio ambiente, bioeconomía, escolas rurais e innovación educativa, turismo verde e activo, territorio e patrimonio, inclusión e talento social, demografía e envellecemento activo, dereito e desenvolvemento sustentable.

RIO e Ourense son sustentabilidade, innovación, talento, liderado, estratexia, competencia, futuro e persoas.

Supón un proceso de co-creación dun novo ecosistema de innovación rural, baseado na xestión da intelixencia colectiva entre a Universidade de Vigo e as entidades e persoas que traballan no rural e para o rural, e co que se pretenden establecer as liñas estratéxicas para poder crear valor sustentable para todo o territorio europeo e Iberoamericano.

“Posta en valor do ecosistema de innovación rural, con alianzas estratéxicas público-privadas coa Universidade, explorando a diversidade do rural de Ourense, no marco do desenvolvemento sustentable”

Obxectivos

O RIO International Observatory of Rural Research nace coa vocación de detectar e fomentar boas prácticas no rural de Ourense para documentalas e dalas a coñecer fora da contorna no que foron creadas. O formato da ciencia cidadá establece novas formas de colaboración entre os axentes locais e os universitarios nun ambiente no que os equipos de alumnos, académicos, emprendedores e innovadores traballan de xeito colaborativo con empresas e comunidades rurais.

“Detectar e fomentar boas prácticas e casos de éxito no rural de Ourense para a transferencia científica e social.”

“Ser o hub para xerar un novo coñecemento da interacción entre persoas, lugares, valores e recursos”.

“Analizar e promover proxectos de innovación no ámbito do rural de Ourense, a través da creación dun laboratorio de ideas, do Ourense Rural Summit (OURS) e doutros proxectos.”

“Converter a provincia de Ourense nun Living Lab, ou incubadora internacional de proxectos rurais, para convertela nun territorio líder en respostas vinculadas ao reto demográfico e dos desafíos da sustentabilidade a través da innovación.”

“Servir como dinamizador da provincia de Ourense e da ruralidade europea e iberoamericana”.

ODS + Rural

Os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da ONU nacen en 2015 co fin de ser cumpridos no horizonte temporal do ano 2030. Estes ODS traballan ao redor de 17 áreas concretas e 169 metas específicas co fin de acadar un desenvolvemento sustentable, implicando a todos os axentes: gobernos, sector privado, sociedade civil e cidadanía para non deixar a ninguén atrás.

A única forma de acadar un futuro sustentable é repensar o modelo de xestión e desenvolvemento que posuímos na actualidade, para o que, o rural se posicione como un elemento estratéxico de sustentabilidade. O rural de Ourense demostrounos ao longo das décadas que posúe a innovación e o liderado necesarios para ser o espello no que inspirarnos e aprender sobre desenvolvemento sustentable, a pesar dos desafíos aos que se enfronta como o despoboamento, a dispersión e as extremas condicións climáticas, entre outras realidades.

Promotores

Deputación de Ourense

A Deputación de Ourense é unha entidade local que ten entre os seus fins a cooperación no fomento do desenvolvemento económico e social, así como na planificación do territorio provincial e, nese sentido, é plenamente consciente de que a realidade non permanece estática: o mercado de traballo, o marco empresarial, as novas necesidades da poboación, a xeración de novas competencias locais derivadas dos procesos lexislativos, etc. todo é dinámico. Por tanto, a actividade organizativa das institucións públicas ten que coincidir, necesariamente con esa realidade e dinamismo, respondendo aos retos que aburan ao contexto demográfico e social da sociedade galega.

A Deputación Provincial de Ourense, a través do Plan Ourense, define estratexicamente o futuro de Ourense a través da innovación, a intelixencia, o impulso e o inconformismo. A creación do RIO  International  Observatory  of Rural  Research relaciónase co Programa Ourense 2015-2020, unha estratexia provincial a medio/longo prazo para xerar elementos de valor que fagan da provincia un referente nacional e internacional.

Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo é unha institución de pleno dereito público á que corresponde, no ámbito das súas competencias, o servizo público da educación superior. Como organización pública, está ao servizo da sociedade e ten como fins prioritarios acadar as cotas máximas de calidade no ámbito da docencia e da investigación. A Universidade de Vigo promove como un dos obxectivos esenciais da súa actividade a formación de persoal investigador, o fomento e a transferencia de coñecemento á sociedade, así como a coordinación da investigación científica, técnica, humanística e artística.

A investigación configúrase como fundamento da docencia e como medio para o desenvolvemento científico e cultural da sociedade, a través da transferencia de coñecemento a esta. Xunto co labor investigador e docente, a universidade tamén debe dispoñer dos medios necesarios para potenciar o seu compromiso coa reflexión intelectual, a creación e a difusión da cultura, en especial a galega. Promoverá o achegamento das culturas humanística e científica e esforzarase por transmitirlle o coñecemento á sociedade mediante a divulgación da ciencia. Para realizar axeitadamente as mencionadas funcións básicas, a  Universidade de Vigo ten que crear e manter os servizos xerais necesarios.

Desde a Universidade de Vigo quérense mellorar as capacidades creando sinerxías coa provincia de Ourense. A universidade e o rural de Ourense son espazos de diversidade acolledores que sumarán esforzos para trasladar o coñecemento e a cultura que posúen e expandilos internacionalmente. A  Universidade de Vigo e o seu Campus de Ourense posúen talento académico nos diferentes ámbitos que engloban a ruralidade e o rural de Ourense é un excelente laboratorio de innovación.

Novas