In RIO

Hoxe mércores 30 de outubro, ten lugar a segunda xornada de traballo no marco do  Ourense Rural Summit (OURS), un encontro participativo onde expertos de diferentes áreas traballan na procura de identificar os retos do medio rural en relación aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable e a busca de solucións compartidas. Todo elo para propoñer ao RIO International Observatory of Rural Research e que converta á provincia de Ourense nun laboratorio de ecoinnovación rural.

Unha ollada cara a primeira xornada

Onte tivo lugar a primeira xornada do OURS coa inauguración do mesmo por parte do Presidente da Deputación de Ourense, de María Isabel Doval, Vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, de María Belén Rubio, Vicerreitora de Investigación e de Esther de Blas, Vicerreitora do Campus de Ourense. Tras ela, Bernadette Montanari, experta en biodiversidade cultural da Universidade de Kent (Reino Unido) impartiu unha charla sobre desenvolvemento local e globalización.

Pola tarde tiveron lugar as primeiras Conversas Simultáneas. Nelas búscase compartir experiencias innovadoras e motivadoras para inspirar ás persoas presentes e achegar, aínda máis, a idea de que no rural é posible ter innovación e de calidade.

Na primeira Conversa, presentada por Anna Champeney, Katarin Tausz, directora do Instituto de Estudos Socias da Universidade Eötvös Loránd de Hungría, falou sobre Pobreza no mundo rural enfatizando que “no rural hai máis carencias” e que existían certos estereotipos do rural que non se cumpren, xa que non teñen tanto que ver coa dualidade urbano-rural senón coa riqueza-pobreza. Tamén Manuel Blanco Desar, co seu relatorio Sembrar porvenir: agro vivo puxo o foco en “que non é posible arranxar os problemas do rural europeo senón se cambia a política agraria común” e que “hai que investir no rural aínda que non haxa retorno a curto prazo”.

Na segunda Conversa presentada por Belén Rubio, Vicerreitora de investigación da Universidade de Vigo, Débora Iglesias-Rodríguez da Universidade de California tratou o tema dos Océanos asfixiantes para a vida mariña e outras verdades inconvenientes e achegou aos presentes problemáticas como a acidificación oceánica e como os microplásticos afectan a comunidades rurais pesqueiras. Por outra banda, Iria García, investigadora do departamento de economía aplicada da Universidade de Vigo, presentou o seu estudo O papel das confrarías de pescadores de Galicia na protección dos recursos mariños e consecución da equidade: vantaxes e limitacións e como esta fórmula de economía social se adapta continuamente para facilitar a súa continuidade.

A última das Conversas simultáneas do día, Esther de Blas Vicerreitora do Campus de Vigo presentou a Juanjo Manzano e Conce Macías, de AlmaNatura, unha empresa social de Arroyomolinos de León (Huelva) que traballa fixando poboación no rural deseñando alianzas público-privadas para empoderar ás persoas. Nas súas propias palabras, “queremos lograr o desenvolvemento dos pobos a través das persoas”.

Nesta Conversa tamén participou Aser Álvarez, director do FIC Rural o Foro Internacional sobre a Cultura e a Economía Rural que ten lugar en Compostela. Aser falou da importancia da “reactivación do mundo real como parte fundamental para os retos globais en todos os ámbitos, tamén no da sustentabilidade” xa que “o universal é o local sen paredes”.

Tras esta sesión comezaron os grupos de traballo. Neles as persoas traballaron colaborativamente en identificar cales son os retos que existen no rural en relación aos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable e, posteriormente, identificaron actuacións para pór en marcha proxectos de innovación rural para poder acometer estes retos.

O segundo día do OURS

A xornada da inicio coa charla experta de Deirde O’Connor da Universidade de Dublín presenta a comunicación seguridade alimentaria, pobreza alimentaria y política alimentaria: implicacións para as comunidades rurais no contexto europeo. Nela abordou temas coma a importancia de pór en marcha iniciativas agrícolas soportadas pola comunidade, políticas alimentarias locais e, sobre todo, axudas públicas para granxa familiares pequenas. Todo elo porque “é necesario garantir o acceso a iniciativas alimentarias nas áreas rurais remotas”.

Nas Conversas Simultáneas do mércores, Eva Garea Oya, da Oficina de Proxectos Internacionais da Universidade de Vigo, presenta a Manuel González da Universidade Pablo Olavide e o seu relatorio de perfís da contemporánea: mais alá da idealización e os tópicos do despoboamento. Manuel compartiu cos asistentes os rasgos identificativos do medio rural (envellecemento, mobilidade, desigualdade de xénero…) e tamén nos trasladou a importancia de comprender o modelo de distribución poboacional no marco da globalización. “Este cambio na estrutura social pode provocar maior desigualdade”

Jérémie Réquis, da Secretaría do Comité de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo, que falou sobre o estado da reforma da PAC 2021-2027. Esta reforma pretende dar resposta aos desafíos institucionais, ecolóxicos (sobre todo ao cambio climático), xeopolítico e macroeconómico. Por iso as novas políticas agro-rurais baseanse en dous eixos, “transición ecolóxica e políticas de I+D+i, que teñen que integrar as novas tecnoloxías”.

Por outra banda, Xesús Morales tamén da Oficina de Proxectos Internacionais da Universidade de Vigo, presentou a conferencia Unha Asociación por e para O Courel e acompañou a súa presentación de imaxes suxerentes de O Courel así como trasladou o seu modelo de turismo sustentable na rexión. Enrique Nieto, de European Network for Rural Development, falou sobre proxectos de smart villages e ecosistemas de innovación rural. Enrique explicou aos asistentes o concepto de vilas intelixentes e creou unha presentación interactiva con eles, invitándoos a participar na mesma cos seus teléfonos móbiles.

Posteriormente os participantes dirixiranse a realizar unha actividade de inmersión local consistente en reacondicionar unha zona forestal queimada. Esta actividade ten un dobre obxectivo, por unha banda contribuír activamente a recuperación dunha zona rural devastada polo lume e, por outra, compensar a pegada ecolóxica do evento. O Ourense Rural Summit prográmase coa intención posta en coñecer tamén o impacto ambiental que se xera coa súa celebración de cara a minimizalo en vindeiras edicións, apostando así pola mellora continua nas actuacións responsable que organiza.